Total visitas a la página

miércoles, 18 de abril de 2012

Unha nova fortaleza descuberta en Carnota

A fortaleza vista desde o aire/manuelgago.org/blog

                                                                         A fortaleza no entorno/ manuelgago.org



O Monte do Castro, en Lira, oculta unha reliquia arqueolóxica que podería abrir a porta a unha das etapas históricas máis descoñecidas de Galicia.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 18/04/2012
  • versión para imprimir
Xa fora citada por Carré Aldao na súa 'Geografía General del Reino de Galicia' pero non foi ata máis de 75 anos despois que o Monte do Castro ou Torre das Mouras será catalogada. É unha fortaleza situada a 300 metros de altura na parroquia de Lira, en Carnota, e moi preto de dous castros; o de Lira e o de Mallou.
Pero este, a diferencia destes, é de enormes proporcións e non está construido ao xeito castrexo. Cóntao o profesor, xornalista e director de Culturagalega, Manuel Gago, no seu blog. Todo comezou cunha chamada dun veciño, Jordi Tato, que falou dos restos do que se pensaba que sería un castro aínda descoñecido nos montes de Lira. 
Inspección este domingo
Por iso, este pasado domingo, un pequeno grupo de persoas, entre os que se atopaban xornalistas, divulgadores, activistas de O pindo Parque Natural --co seu presidente á fronte-- e varios arqueólogos, entre eles Luis Cordeiro, que traballa co PXOM de Carnota, e Antón Malde, impulsor do proxecto de arqueoloxía colectiva da Pedra da Moura, en Coirós, desplazaronse a este lugar. 
E alí descubriron unha fortaleza de duas hectáreas fechada con varios muros de máis de metro e medio de grosor, nun lugar inhóspito e difícil acceso. 
Como conta Gago; "é un enorme recinto fortificado. Son dúas murallas concéntricas que rodean todo o monte cun clarísimo carácter defensivo, complementadas con solucións de peche de fallas máis pequenas. As muralla é moi grande, de pedras cortadas ao bruto, unidas aparentemente sen argamasa, con paramentos uniformizados pola cara exterior e cun anchor, na muralla perimetral interior, de máis de dous metros. O tema interesante vén no interior. Hai como unha zona ampla e despexada, que Jordi nos confirmou (coñeceu o lugar despois dun incendio) que estaba baleira, e hai unha sorte de cidadela ou último reducto, caracterizada por un murallón enorme que pecha unha zona abrupta e en pendente e que prolonga a muralla no medio das ladeiras de laxes. Esta é unha curiosa solución empregada noutras fortificacións de similar fasquía, como a do Pindo ou a do Galiñeiro".
Fortalezas tardoromanas ou altomedievais
Estas dúas fortalezas, a pesar de estar catalogadas, aínda non foron estudiadas exhaustivamente, polo que non se confirma que se traten de castros e a súa adscrición xeográfica sexa posterior a esta época. 
E é que esta fortaleza semellase a outras similares como a do Monte Aloia, Galiñeiro e Monte Faro no Sur de Galicia, Castro Valente, na zona de Padrón ou o Pindo, tamén en Carnota.
Por iso, e á espera de facer unha intervención arqueolóxica, Gago avanza que "poderiamos estar ante unha das fortalezas máis espectaculares do difuso mundo tardoantigo e altomedieval que levamos perseguindo ao longo deste tempo. E insisto: isto é unha impresión persoal a partir do que vexo alí, pero con gusto mudareina se as evidencias ofrecen outros datos. Os meus argumentos son esencialmente arquitectónicos: os castrexos non construían así, e temos o caso inmediato de Mallou, onde empregan pedra moito máis pequena, moito máis preparada, e doutro xeito. Aquí o proceso construtivo é moi semellante ao do Pindo, o de Aloia, o do Galiñeiro ou mesmo ao de Castro Valente (aínda que o Valente ten máis parecido coas murallas castrexas habituais). Muros grandes, grandes anacos de granito, peche de fallas graníticas, optimización dos recursos de construción, muros que atravesan ladeiras de pedra, e sillares enormes como ese que vos ensinei antes na base dos muros definitivamente non son castrexos… A ausencia de materiais pode ter que ver cunha ocupación estacional do recinto. E hai outro factor enigmático que comentabamos con Xurxo. Do mesmo xeito que Aloia parecía a versión máis grande dun modelo que se estende a fortificacións próximas coma o Faro de Budiño ou o Galiñeiro, aquí acontece igual. O Pindo está ao carón, e parece seguir o mesmo criterio construtivo…como un patrón cultural que se aplica a distintas áreas".

No hay comentarios:

Publicar un comentario