Total visitas a la página

jueves, 14 de junio de 2012

As obras no castro de Baroña revelan unha maior monumentalidade


OS ARQUEóLOGOS IDENTIFICAN UNHA ESCALEIRA MONUMENTAL NO TERCEIRO RECINTO



14 / 6 / 2012
Santiago. Redacción
As obras de restauración e acondicionamento do castro de Baroña atópanse na metade do curso planificado pero están a revelar que o castro ten unha monumentalidade maior da agardada. Tanto as casas como a muralla teñen aínda unha capa de terra considerable por riba delas que revelan unha potencia de máis dun metro de altura nos edificios e construcións. O equipo arqueolóxico está a escavar toda esta zona para poder ver as casas á altura orixinal na que foron atopadas, eliminando o cemento co que foron restaurados os muros e revelando a existencia de portas. "É unha das primeiras preguntas dos grupos de turistas cando veñen visitar Baroña", bromea Ángel Concheiro, "onde estaban as portas das casas. Claro que había portas".
A intervención de restauración permite revelar, segundo Concheiro, as dúas fases de construción da muralla. Unha primeira, do século III a.C. e unha segunda, contra o final da vida do xacemento, na que a muralla se monumentaliza, aparecen os torreóns da porta. "Isto é sincrónico co que acontece con outros castros", comenta Ángel Concheiro. Iso si, a intervención mantén a cronoloxía que os científicos outorgaban a Baroña: un espazo abandonado antes da romanización, no que non hai ningún elemento de procedencia romana. A intervención tamén revelou a existencia dunhas escadas monumentais no terceiro recinto, preto da furna consolidada con cemento, aínda sen escavar. "Iso é unha aposta de futuro", asegura Concheiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario